domingo, 25 de outubro de 2026

LeoClub 5º-6º- Outubro 2026

 A aventura comeza! Esta semana foi moi especial no noso colexio: celebramos o Día das Bibliotecas e, para festexalo como se merece, tivemos a primeira xuntanza do noso Club de Lectura co alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria.

Non podiamos ter un mellor arranque! Entramos de cheo no universo dos libros a través dunha historia divertida, orixinal e moi inspiradora: "O incrible neno devorador de libros" de Oliver Jeffers. Con el descubrimos que ler é a mellor forma de "devorar" historias, alimentar a nosa imaxinación e aprender sen límites

Máis alá desta lectura, a nosa biblioteca converteuse nun auténtico escaparate de marabillas. Presentamos moitos outros títulos fascinantes sobre o amor pola lectura: "León de biblioteca" de Michelle Knudsen, que nos ensina que as bibliotecas son lugares máxicos onde todo o mundo ten un sitio; "A meniña de libros" de Oliver Jeffers que nos convida a explorar o poder infinito da imaxinación...

Tamén tivemos tempo para deseñar os nosos propios marcapáxinas personalizados. Neles plasmamos o que significa a lectura para cada un de nós: unha viaxe, soñar, un refuxio, unha porta á aventura, un superpoder...

Estes marcapáxinas acompañaranos durante todo o curso!

E como todo bo club precisa unha gran misión, finalizamos a xuntanza desvelando o segredo mellor gardado: a nosa primeira lectura colectiva do curso!

Este trimestre mergullarémonos nas páxinas de "Amy e a biblioteca secreta" de Alan Gratz. Unha historia trepidante sobre a valentía, o poder dos libros e a importancia de defender o noso dereito a ler o que nos faga soñar.

A todo o noso equipo de "comelibros": preparádevos, porque este curso imos vivir historias inesquecibles. 

As nosas xuntanzas van estar cheas de debates, risas, descubrimentos e, sobre todo, moita paixón pola lectura.


Ata a proxima!!!


mércores, 21 de outubro de 2026

LeoClub 4º Outubro 2026

 Que ganiñas de comezar de novo esta aventura!! O primeiro é darlle a benvida a un novo membro que decidiu unirse a este club para vivir novas experiencias. Contámoslle o que soemos facer nas nosas reunións e esperamos que disfrute tanto coma os demais. Despois escollemos cal sería a primeira aventura de entre estas tres propostas. Para iso lemos o resumo da contraportada, fixámonos en que todas son autoras e lemos o primeiro capítulo.


A cousa non foi fácil porque houbo triple empate!!!, polo que tivemos que recurrir ao sorteo. O afortunado foi...
Casas de Paula Carballeira


Despois realizamos uns minilibros sobre os nosos gustos literarios e outro para rexistrar as lecturas que fagamos  ao longo do curso. E a hora pasou voandoooo....
Agardando que chegue pronto a vindeira sesión!!











domingo, 18 de outubro de 2026

LeoClub 2º Outubro 2026

 O grupo de 2º do LeoClub tiveron a súa primeira sesión o día 8 de outubro. Esperaban con moita ilusión este encontro pois días antes xa escolleran o libro que querían ler. Decidíronse por "Os Mug atrapados no móbil" de Begoña Oro. Durante a sesión leron un ratiño e fixeron unha actividade relacionada coa lectura.




xoves, 8 de outubro de 2026

LeoCLub 3º Outubro 2026

Un novo curso comeza e, con el, volve tamén o noso Club de Lectura. Que ilusión volver atoparnos entre libros, historias, personaxes e conversas compartidas!

Nesta primeira sesión do grupo de 3º, dedicamos un tempo a coñecernos un pouco mellor como lectores e a pensar no que nos trae de novo ao club. Falamos de por que decidimos apuntarnos, de que nos gusta da experiencia de compartir lecturas e, de por que decidiron repetir este ano.

Tamén aproveitamos para contar que esperamos deste novo curso: descubrir historias interesantes, coñecer novos personaxes, aprender cousas, compartir opinións, sorprendernos coas lecturas e, sobre todo, gozar da lectura en compañía.

Todas estas ideas quedaron recollidas por escrito nunha pequena entrada que, ademais, ten un significado especial: é o noso acceso simbólico a cada sesión do Club de Lectura. Unha maneira de deixar constancia de que estamos aquí, dispostos a abrir cada libro e descubrir o que agocha entre as súas páxinas.

E, despois de presentarnos como lectores, chegou o momento de comezar a nosa primeira aventura literaria deste curso. Comezamos a lectura de Bastón, Bombín e Bombón, un título que xa nos deixou con ganas de saber máis e de descubrir que aventuras nos agardan. Na primeira sesión achegámonos á historia, aos seus protagonistas e ás primeiras páxinas dun libro que nos acompañará durante as vindeiras semanas.

Así damos o primeiro paso neste novo curso: un libro aberto, moitas preguntas e toda unha historia por descubrir.

Benvidos e benvidas de novo ao Club de Lectura! Que este sexa un curso cheo de boas lecturas e, sobre todo, de moitos momentos compartidos


















domingo, 21 de xuño de 2026

SESIÓN FINAL LEOCLUB: CINE NA BIBLIO "PINOCHO"

 Un ano máis no mes de xuño realizamos a sesión final do LeoClub cunha actividade conxunta todos os grupos. Desta volta decidimosa ter unha sesión de cine na biblio. Así, todos os grupos do Club de Lectura de primeiro a sexto gozamos da película "Pinocho" de Guillermo del Toro.

Non faltaron as 🍿🍿. Pasámolo moi ben!!











xoves, 21 de maio de 2026

LeoClub 3º e 4º Maio 2026



 "O meu nome é Skywalker" de Agustín Fernández Paz foi o libro que lemos para esta sesión. Unha historia que nos invita a reflexionar sobre a crúa realidade das persoas sen fogar que viven ao noso redor. E iso foi como comezou a sesión, falando sobre ese tipo de situacións, de cómo se pode chegar a elas e de que solucións podería haber para cambialas. Preguntas de difícil resposta, pero que axudan a pensar no drama que viven esas persoas e a empatizar con elas. 

Falamos tamén de por que o protagonista non querería dicir cal era o seu nome real á nena e por qué lle contaría esas historias de fantasía, así como a onde marcharía Skywalker e por que o faría.

Démonos conta de que algúns coñecían a persoas parecidas ao noso protagonsita e realmente se decataban de que parecían invisibles para a maioría da xente.

Despois de todas estas reflexións xogamos ao xogo ao que Raquel, a nena da historia, xogaba co seu pai: adiviñar que pensarían as persoas que vían pola ventá da súa casa. Neste caso puxemos unhas gafas de ler pensamentos de persoas e nun "bocadillo dos de pensar", cada quen escribiu o que cría que podían ser os pensamentos das persoas dunha imaxe dada. Ao rematar de escribilas léronse e tiñamos que adiviñar que persoa podería ser a que pensaba dese xeito. Todo iso o pegamos nun mural para que quedase recollido o traballo desta sesión. 













E como ésta era a última sesión do curso fixemos unha avaliación dos libros que lemos. Cada un eliximos que lectura de todas foi a que máis nos gustou. Este foi o resultado: O gañador foi "Superzorro" de Roald Dahl, e no segundo posto empataron Miñoca de Ramón D. Veiga e "O meu nome é Skywalker" de Agustín Fernández Paz. 
Hasta aquí as sesións deste curso. Voltaremos o próximo con novas aventuras!!