domingo, 25 de outubro de 2026

LeoClub 5º-6º- Outubro 2026

 A aventura comeza! Esta semana foi moi especial no noso colexio: celebramos o Día das Bibliotecas e, para festexalo como se merece, tivemos a primeira xuntanza do noso Club de Lectura co alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria.

Non podiamos ter un mellor arranque! Entramos de cheo no universo dos libros a través dunha historia divertida, orixinal e moi inspiradora: "O incrible neno devorador de libros" de Oliver Jeffers. Con el descubrimos que ler é a mellor forma de "devorar" historias, alimentar a nosa imaxinación e aprender sen límites

Máis alá desta lectura, a nosa biblioteca converteuse nun auténtico escaparate de marabillas. Presentamos moitos outros títulos fascinantes sobre o amor pola lectura: "León de biblioteca" de Michelle Knudsen, que nos ensina que as bibliotecas son lugares máxicos onde todo o mundo ten un sitio; "A meniña de libros" de Oliver Jeffers que nos convida a explorar o poder infinito da imaxinación...

Tamén tivemos tempo para deseñar os nosos propios marcapáxinas personalizados. Neles plasmamos o que significa a lectura para cada un de nós: unha viaxe, soñar, un refuxio, unha porta á aventura, un superpoder...

Estes marcapáxinas acompañaranos durante todo o curso!

E como todo bo club precisa unha gran misión, finalizamos a xuntanza desvelando o segredo mellor gardado: a nosa primeira lectura colectiva do curso!

Este trimestre mergullarémonos nas páxinas de "Amy e a biblioteca secreta" de Alan Gratz. Unha historia trepidante sobre a valentía, o poder dos libros e a importancia de defender o noso dereito a ler o que nos faga soñar.

A todo o noso equipo de "comelibros": preparádevos, porque este curso imos vivir historias inesquecibles. 

As nosas xuntanzas van estar cheas de debates, risas, descubrimentos e, sobre todo, moita paixón pola lectura.


Ata a proxima!!!